Monday 29 de April de 2024

Recepción ao Club Atletismo Ordes



O acto aberto terá lugar este sábado, 8 de xullo, ás 12 horas no Concello e a el poderán asistir todas as persoas interesadas. Renderáselle unha merecida homenaxe tanto á entidade como aos atletas máis destacados desta tempada

O Concello de Ordes ofrecerá o vindeiro sábado, 8 de xullo, unha recepción oficial ao Club Atletismo Ordes. Terá lugar no salón de plenos do antigo edificio consistorial ás 12 horas, e a ela poderán asistir todas as persoas que o desexen.
José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, alcalde e edil de Deportes de Ordes respectivamente, presidirán este acto no que se fará un recoñecemento a todas e a todos os integrantes deste club. Especialmente renderáselles unha homenaxe a aqueles e aquelas atletas que ao longo desta tempada acadaron o podio en competicións de ámbito nacional e incluso internacional. Neste aspecto sobresae o gran traballo realizado pola veterana María Ánxeles Rodríguez del Río, campioa do mundo e de España en lanzamento de xavelina. Tamén recibirán diploma Isabel Fernández Bello, bronce en 4×200 na categoría de veteranos; e María Pena Ferreiro, subcampioa de España en lanzamento de xavelina na categoría cadete.
As mencións especiais dentro da categoría infantil levarán os nomes de Martiño Caneda Pájaro, campión galego en 220 metros vallas; Samuel Fariñas Fernández, bronce en 300 metros lisos; Alejandra Souto Vieites, subcampioa galega en triple salto; Daniel Loureiro Mosquera, subcampión galego en lanzamento de xavelina e Lara López Fernández, campioa galega en 100 metros lisos na categoría cadete.
Con este acto o Concello de Ordes, e especialmente a Concellería de Deportes, quere honrar publicamente as entidades e os deportistas que polo seu esforzo e dedicación acadaron un lugar destacado no circuíto de competicións nesta tempada, contribuíndo así ao recoñecemento e á distinción do nome de Ordes.